Lense ultimamente artigos que manifestan a preocupación dos expertos da saúde, da pedagoxía ou do deporte por como e canto durmimos… En principio non debería ser un problema, porén a preocupación actual responde a que 1 de cada 5 persoas dorme mal ocasionalmente. Nun estudante, non durmir o suficiente pode desembocar nun fracaso escolar; nun deportista, durmir o correcto repercute no corpo de xeito similar a un adestramento. Durmir é sinónimo de boa saúde. Pero por que non durmimos o suficiente? Algunhas causas poden ser: conciliación de horarios, problemas de estómago, estrés, preocupacións, ansiedades, exceso de tecnoloxía…

Durmir é sinónimo de boa saúde

Hoxe revoluciono un pouco o Peto para pedirvos que fagades un pequeno exercicio. É unha enquisa de Juan Antonio Madrid, experto en cronobioloxía ou, o que é o mesmo, “reloxeiro do sono”; foi feita para alumnos dun colexio e gustoume para todo aquel que queira realizala. É sinxela e quizais axude a pensar se o que facemos durante o día contribúe a que durmamos pola noite. Se a resposta é “SI”, sumas un punto. A nota final será a suma de todas as afirmativas. A partir de 5, estarás aprobado.

  • Corres, fas bicicleta, ou practicas algún deporte vigoroso polo menos 30 minutos ao día?
  • Pasas menos de 10 horas (sen as de durmir) sentado ao día?
  • Pasas máis de dúas horas ao día con luz natural en exteriores?
  • Dormes nunha habitación totalmente ás escuras?
  • Desconectas do móbil, tablet, ordenador polo menos un par de horas antes de durmir?
  • Almorzas todos os días?
  • Ceas polo menos dúas horas antes de ir durmir?
  • Dormes entre 8 e 10 horas ao día?
  • As fins de semana, espertas como moito dúas horas máis tarde do horario habitual?
  • Dormes a sesta, e, se a dormes, esta é de menos de 30 minutos?
  • Que teñas bos sonos!