Chega o verán e con el, o remate do curso escolar. Milleiros de fogares acollen a milleiros de crianzas durante case tres meses e atópanse co problema de, que facer coas nenas e os nenos da casa. Esta situación repítese cada verán e os avances sobre conciliación familiar, cuestión madurada noutros países europeos, son escasos, obrigando ás familias a buscar alternativas para atender os seus fillos e fillas. Todo un sufrimento que recorta un tempo único e irrecuperable entre eles. Campamentos, clases de apoio, actividades lúdicas… e os avós, que ademais representan a opción máis económica de todas elas. Dende agora e até mediados de setembro, veremos unha imaxe que mestura a entrega e reciclaxe dos avós cos netos. Toda unha manifestación de bondade. Un esforzo por manter a enerxía durante un tempo prolongado que moitas veces non é controlado. Os avós, os máis, están nunha idade boa para facer unha achega de sabedoría e experiencia pero non sempre para a esixencia física que require coidar os netos durante tres meses seguidos. Tampouco para entendelo todo sobre unha infancia que nada ten que ver coa vivida noutrora, cos novos desafíos, oportunidades e ameazas. Pero aí están eles, axudando e facendo que as cousas sexan máis doadas nun país que aínda ten pendente a materia de conciliar. Tanto é así que algúns nenos á volta das vacacións contarán que o mellor do verán foi estar na casa das súas avoas ou avós. Bendit@s sexan.