E non se fala do meteorolóxico. O verán será o que queiramos que sexa. O sucedido en Mallorca no comezo da época estival, vén dicirnos que este verán estará determinado pola actitude que teñamos. Si, é certo. Aínda con todos os coidados ás veces as cousas pasan… pero menos.

Cando analizamos o primeiro confinamento, ao que máis e ao que menos, vénlle á cabeza un momento cheo de descoñecemento e como tal de “descoidos” continuos que ás veces alongaban as corentenas. Hoxe sabemos máis de como vai a cousa e está nas nosas mans evitar dar un paso atrás mentres o proceso de vacinación non nos permite ser optimistas.

Faise esta introdución pensando naqueles que xa levan preto de 16 meses a cabalo dos brotes, dos datos e dos niveis de restricións; naqueles que podían abrir un día e tiñan que pechar ao seguinte, naqueles que tiñan que atender o traballo e a responsabilidade dos que pasaban por alí, daqueles que viron como os seus concertos e como seu traballo de moitos meses era cancelado unha e outra vez. Menciónase en especial a hostalería e o mundo dos espectáculos culturais. Quen non ten unha amiga ou amigo, coñecida ou coñecido, que traballa na hostalería ou no mundo artístico? Toca pensar neles e facelo sen renunciar ao gozo das festas e espectáculos que tan necesarios son e tanto botamos de menos.

Hoxe este Peto quere desexar bo verán a tod@s e deixar o seu aplauso maior para o persoal que permite que o verán teña a súa música e o seu refresco.