Que as escolas están en renovación metodolóxica, non hai dúbida. Unha das metodoloxías que vai soando con forza é o Traballo por Ambientes de Aprendizaxe. Aínda que se cre que é unha das “novas modas” e así pasou coa Aprendizaxe Baseada en Proxectos(ABP) con orixe en EE.UU. da man Kilpatrick en 1915, responden a unha evolución pedagóxica que busca responder a cada momento social baixo unha vocación innovadora. No caso dos Ambientes de Aprendizaxe, a Escola Nova (Dewey, Montessori, Freinet ou máis recentemente Loris Malaguzzi) e anteriormente os precursores (Rosseau, Pestalozzi, Froebel ou Herbat) asentaron as bases dunhas metodoloxías do que posteriormente foron os talleres ou recuchos, coñecidos sobre todo na Educación Infantil. Son dalgunha maneira os antecedentes dos Ambientes de Aprendizaxe (ou por contextos, por estacións ou de libre circulación…segundo o matiz). A esta evolución pedagóxica desde a Escola Nova engádeselle o momento social e variante do século XXI, derivado, en parte, das novas tecnoloxías: a forma de informarnos, relacionarnos…

É destacable desta metodoloxía, a liberdade do alumnado para moverse polos diferentes espazos (previamente ben deseñados) ou a adquisición das aprendizaxes dunha maneira significativa e co acompañamento docente. Tamén chama a atención o emprego de materiais fundamentalmente naturais, mestura do alumnado de diferentes niveis, o deseño da aula ou o coidado do mobiliario. Aínda é moi difícil saber o horizonte metodolóxico e canto teñen de acerto e resposta estas metodoloxías. As cousas en educación mídense a longo prazo, pero é evidente que estas cousas supoñen un cambio cando menos visible que xa podemos ver polas escolas galegas.