Rematado o estado de alarma, tamén remataron as medidas puntuais e temporais que se aplicaron, como a paralización dos procedementos xudiciais de desafiuzamento. Rematou esa paralización e comezaron a chegar resolucións, datas de xuízos e datas de lanzamentos. Produce certa vertixe cando chegan varias resolucións á vez; como emerxencia que é, debemos tentar mobilizar todos os recursos posibles e de forma inmediata (inmediatez que a burocracia administrativa enlentece). Hai familias que nunca estiveran en servizos sociais, outras que xa eran persoas usuarias, familias con débedas de moitos meses e outras con pouca débeda, pero si co desexo do dono/a de que abandonen o piso. E comeza un camiño case que imposible de busca dunha nova vivenda. Os prezos no mercado inmobiliario nas grandes cidades de Galicia están polas nubes; e se precisamos contrato, o prezo aínda sobe. En moitas ocasións supera o 50 % do que percibe unha persoa soa de renda de inserción social de Galicia, RISGA ou de subsidio por desemprego. Así é que en Galicia temos familias de 3 e 4 membros residindo nunha habitación. Entón, cando pensamos en persoas sen fogar, pensamos só nas que dormen na rúa? Ou quizás sen fogar, tamén son as persoas que pasan a noite en albergues, as que residen en infravivendas, choupanas e chabolas, as que residen 3 ou 4 nunha soa habitación, as familias que teñen que xuntarse con outras familias para entre 9 persoas poderen alugar un piso de 60 metros cadrados… Necesítanse medidas e recursos de vivenda social que lles permitan ás persoas e ás familias pagar pola vivenda, pero que despois de pagar a mensualidade, poidan dispoñer de ingresos para a cobertura das necesidades básicas, é dicir, un prezo de vivenda razoable e acorde cos ingresos das familias e persoas.
Se non temos fogar, podemos atender o resto das necesidades? Necesidade básicas, necesidades educativas, necesidades de afecto e apego, necesidades de saúde física e mental…?