Claro está que, no respecto absoluto, a quen non lle guste ler non lle pasa nada: ten a mesma valía cá as persoas ás que nos gusta a lectura; simplemente gustaranlle outras cousas diversas. Ler non che converte en mellor, pero a lectura si é beneficiosa: cando nos mergullamos na lectura, achegámonos a outras realidades, a outras épocas, culturas, puntos de vista, ideas, formas de vida. Aprendemos lendo, cada quen cos seus gustos: libros de viaxes, novela histórica, biografías, poesía, ensaios… Saímos do noso ser e estar e absorbemos novos coñecementos, novas ideas; exploramos outras realidades —culturais, xeográficas, ideolóxicas—; ampliamos a nosa visión do mundo e das persoas que nos rodean.
A lectura permítenos adentrarnos no silencio da nosa mente mentres estamos atentas ao que nos están contando as verbas. Un poema pódenos facer experimentar moitas sensacións, sentimentos, lembranzas e, incluso, dependendo do día en que o volvamos ler, as sensacións poden mudar.
Hai multitude de posibles lecturas: cada persoa ten que atopar as que máis lle gustan. Ademais, hai épocas, momentos nos que, de repente, a novela histórica é o que che apetece; ou os ensaios de antropoloxía; ou as novelas de ciencia ficción… ou todas as novelas de Jane Austen.
Para algunhas persoas, a lectura acompáñanos, fainos gozar, reflexionar, descansar a mente do axetreo diario, sentir en liberdade, coñecer, aprender. Pero, por suposto, todas as persoas temos a mesma valía.
Penso que, quizais, se tes unha posición mediática, poderías aproveitala para animar á lectura, sobre todo ás crianzas, para que creen un hábito que lles dará acceso á fantasía, á realidade, a viaxar sen saír da túa butaca.
Aproveito, porque é necesario, para lembrar: Palestina libre, paremos este atroz xenocidio, non sigamos sendo meros espectadores.