Cada vez que se anuncia un novo cumio sobre algún aspecto ambiental, as esperanzas en avances significativos non adoitan ser moi optimistas. Desta volta, tocoulle ao cumio do plástico que tivo lugar en Suíza o pasado mes de agosto e no que participaron un total de 184 países. A conclusión tras dez días: uns poucos estados produtores de petróleo evitaron que se asinase un tratado global que faga fronte á contaminación xerada polo plástico, unha das ameazas mundiais que máis require dunha solución. Como esperanza, cómpre sinalar que un cento dos países participantes apostaban por poñerlle límites a este material, entre os que se atopaba a UE. De pouco serviu: o encontro suspendeuse sen convocar outro no futuro. Unha mágoa, como tamén é mágoa o custo de organizar un cumio destas características sen lograr avances.
É importante saber que cada ano se producen máis de 400 millóns de toneladas de plástico en todo o mundo. Calcúlase que a metade corresponde a plástico dun só uso. Desta tremenda cantidade, só o 15% recóllese para reciclaxe e, finalmente, só se recicla un 9%.
Os plásticos xa están presentes no que comemos, no que bebemos e no que respiramos; é dicir, teñen un impacto directo na nosa saúde. Este debería ser un motivo máis que suficiente para repensar a nosa relación con este material e o uso ou usos que facemos del. Queda claro que quen debería chegar a “grandes” acordos ou solucións non logra acadalos, pero quizais a suma de moitas “pequenas” accións poida mellorar o pequeno mundo que nos rodea a cada unha e cada un de nós.