Sempre lle dou voltas ao statu quo da poesía nas nosas vidas. Chama a atención que se venda tan pouco libro deste xénero, que un recital de poesía teña tan pouca convocatoria ou que a maior parte dos escritores que escriben actualmente poesía (e só poesía) pasen tan desapercibidos como os seus libros. Tamén chama a atención o pouco éxito que ten, en xeral, entre a rapazada nas materias escolares. Con todo, creo que está máis presente na nosa vida do que pensamos: está en cantigas, anuncios, postais, pintadas, nos whatsApp que se envían, no que se comparte nas redes sociais… está na oralidade e na escrita… está no primeiro que se nos ocorre escribir cando morre un achegado ou tamén cando aparece alguén ás nosas vidas… buscámola cando sentimos ben preto o amor e quizais máis cando chega o desamor… recordámola a través Luisa Villalta ou festexámola cos premios nacionais de Pilar Pallarés en 2019, Olga Novo en 2020 ou Yolanda Castaño en 2023… case nada!
Villalta facía que o seu alumnado namorara do que estaba a ler
Será que a diferencia doutros xéneros, a poesía ten os seus espazos determinados, os seus momentos concretos e tamén os seus transmisores. Falando de transmisores, Soledad Felloza dicía recentemente que Villalta facía que o seu alumnado namorara do que estaba a ler e sentira paixón pola poesía e isto, que non é nada sinxelo, fainos pensar que os versos transmítese máis aló do guión establecido, do que recollen os estudos ou dos libros de texto. É algo que se sinte e cando se sinte, transmítese e contáxiase. Por iso seguiremos gozando dela cando nos pete, onde nos pete e con quen nos pete.