Non é non, pero se non digo si, tamén é non; se non o desexo, ou non quero, se sinto medo tamén é non; se estou ameazada, se me chantaxean, tamén é non; se desexo parar, tamén é non. E se TI non o entendes, fai por entender, porque se non, tes que saber que estás cometendo un delito. Non intúas, non imaxines, non presupoñas…, non deas por feito.

Non me xulgues, se levo escote é porque me apetece levalo; se bailo contigo, é porque me gusta bailar; se me emborracho unha noite, é porque bebín de máis; se volto soa á casa, é porque teño dereito a andar pola rúa libre. Non me xulgues, xúlgate a TI mesmo, se tes dúbidas co que che conto.

Se opinas que porque un día me deitei contigo, son da túa propiedade, do teu desexo, da túa apetencia, estás equivocado, teño voz propia e decisión, son un ser con intelixencia, con desexos e apetencias propias e dona do meu corpo e do meu ser.

Non me gustou que me manosearas na discoteca, non me sentín ben cando me bicaches estando eu borracha, sentínme culpable e avergonzada cando subín á túa casa e pensaches que quería sexo, e insistiches e ameazáchesme con contalo.

Esta non é unha historia en primeira persoa, é unha historia de todas as mulleres que se senten violentadas no día a día. Das mulleres que se senten xulgadas, abusadas, acusadas…

E non quero escusas do tipo “Si, el é un mozo estupendo, deportista, educado, moi sociable, bo rapaz…”. Será todo iso, pero se viola, é violador; se abusa, é abusador; se acosa, é acosador.

Só pedimos respecto, respecto á nosa dignidade, ao noso corpo, ás nosas decisións, respecto real. Respecto para todas, se non respectas a unha de nós, non nos respectas a ningunha.