O 1 de xuño chegou a solicitude de oficio para as unidades beneficiarias de prestación por fillo/a a cargo, e dende o 15 xa se pode solicitar a través do INSS. Si, xa está aquí, un avance enorme para as persoas en situación de vulnerabilidade e exclusión social, un dereito subxectivo.

O que tamén sabemos é que non é unha idea nova, na maioría dos países europeos xa existía, e no Estado español víñase demandando a súa posta en marcha dende hai tempo. Por unha banda temos a boa nova do seu inicio, por outra algunhas desconformidades ou peticións: o ingreso mínimo vital, non é unha renda universal, deixa fóra dos requisitos para poder solicitala a todas as persoas que non se atopen en situación de residencia legal e efectiva, é dicir, as persoas que teñen situación administrativa irregular non poden solicitalo, nin contempla excepción para as persoas solicitantes de protección internacional (como si contemplan outras rendas mínimas). Ademais, esa residencia legal e efectiva debe ser dun ano ininterrompido anterior á petición. Tamén quedan fóra as persoas de entre 18 a 23 anos ex tuteladas polas administracións, mozos e mozas con maiores dificultades de formación, preparación profesional e apoio na busca de emprego. Queda pendente repropoñer e repensar os modelos de intervención social e un plan de inclusión social para as persoas en situación de vulnerabilidade ou exclusión. Outra pequena petición sería que se descentralizase e que a competencia da súa xestión pasara ás comunidades autónomas, como vai ocorrer no País Vasco e Navarra.

Botamos en falta que no Real decreto lei non se indicase a prioridade de titularidade para as mulleres, como medida de promoción de igualdade e medida preventiva. Ás veces, moitas persoas que se pensan tan feministas, esquecen pór o enfoque de xénero á hora de lexislar… Ese día deberon esquecer as gafas violetas.