Non sei se seguides, nalgunha das diferentes canles, a páxina Redmeteo. Esta páxina, que conta con milleiros de seguidores –acadou os 17 000 en Facebook–, está dirixida por David Rodríguez Gómez, un veciño de Campo Lameiro, apaixonado da meteoroloxía, que camiña cara ao soño de ser “home do tempo”. Pola singularidade, hoxe traemos aquí este proxecto tan fermoso na forma como interesante no fondo, que nace e medra da ilusión dun mozo creador. Unha dose de paixón pola meteoroloxía e a constancia. Diferente, sobre todo nunha atmosfera onde algúns titulares do tempo mesturan a evidencia do cambio climático e o sensacionalismo e fan que semanas antes de cada fenómeno atmosférico haxa que “tremer” por algo insólito. Contrasta isto coa prudencia que amosa esta páxina no prognóstico cando as predicións son complexas e tamén coa sutileza á hora de ofrecer os diferentes escenarios que poden darse, seguidos de forma gradual ata achegarse ás análises máis certeiras.

Redemeteo destaca por achegarnos o tempo nunha linguaxe familiar e achegada a todos. Unha páxina didáctica que un día define algún dos centos de termos que temos para referirnos á chuvia, outro día sobe un vídeo “da que está caendo nalgún punto do país”, pode compartir unha análise sobre a borrasca que xa nos deixou ou ofrece datos das precipitacións contrastadas con valores pasados. E mapas, moitos mapas explicativos nos que aprendemos.

A última idea foi a de abrir un post a finais de xaneiro, para que a xente puidese expoñer dúbidas sobre meteoroloxía, que el responderá en vídeos. Non deixa de sorprendernos.

…Despois de tanta choiva, agardamos ver axiña o sol amarelo nos mapas de Redmeteo.