Canto pase todo iso, que pasará, máis aló das conclusións feitas polo mundo da viroloxía, sería bo facer unha reflexión sobre como actuamos ante unha pandemia, por se nos vemos noutra. Demostrado quedou que para esta non estabamos preparados. Se esta reflexión a facemos sen tirarnos nada uns aos outros, desde a crítica construtiva e sen intereses do que a uns ou a outros lles conveña, será un bo síntoma. Queda unha modesta proposta dalgúns puntos que sería bo tratar:

A comunicación entre todos. Respectarnos e coidarnos. Entender que, ás veces, as decisións individuais son máis colectivas do que pensamos. Coherencia…, esta palabra que está perdendo tanto! A sanidade: coidar o persoal que traballa para a saúde de todos. Acabar cos recortes e reforzar a atención primaria. Confinamentos, peches perimetrais e corentenas: ser minuciosos á hora de informar destas cuestións e explicar as variación nos prazos. Os nosos maiores: mellorar a atención a todos eles e de moitas residencias. Os nenos: non esquecer que viven a pandemia nun momento clave para a súa vida. É necesario reforzar os plans de educación emocional e atender á saúde antes ca ás disciplinas académicas. Os protocolos para colexios non deben supor unha carga imposible de xestionar para os equipos COVID, senón una modelo común para axilizar a xestión dos casos. Os directores non poden asumir responsabilidades que non lles corresponden. Conciliar: os convenios laborais deben recoller a posibilidade de que os familiares directos dun neno que está enfermo poidan acompañalo na enfermidade. Evitar, así mesmo, que haxa que deixalo cos avós (habendo contaxio) ou situacións peores. Plan para teletraballar. Os medios de comunicación: precisamos unha información real. Acabar coas informacións contraditorias (que non plurais). A hostalería e a cultura e todos os sectores máis azoutados pola pandemia: deben recibir o apoio de todos, tanto económico como de responsabilidade. Recuperar aqueles eventos culturais que tiveron que deixarse de facer. O prezo e a posibilidade de gratuidade: as máscaras, o xel, os test…, evitar os vaivéns nos prezos ou as diferenzas enormes, dependendo do territorio; consensuar a gratuidade daqueles medios que combaten a pandemia.