O tempo de verán vén cargado de recomendacións literarias; a verdade é que o tempo de ler é todo o ano, o bo da lectura é que non ten horario…, sobre todo cando quedamos enganchadas por un libro e non temos conta da hora. Pois a verdade é que durante as vacacións moita xente aproveita para viaxar con libros, levalos á praia, levalos ao monte, deitarse sobre a herba e simplemente ler. É un auténtico pracer que se mesture o aroma da herba e o olor das follas dunha novela. Hoxe comezo a lectura dun agasallo: A teoloxía feminista na historia, de Teresa Forcades, unha muller sabia, crítica, loitadora, unha persoa con gafas violetas que sabe ver as cousas desde unha perspectiva feminista e de xénero e trasmitilas con delicadeza e amabilidade, mais con forza e valentía. Anímovos a vela nos vídeos que hai na web, ler os seus artigos e, por suposto, os seus libros. Ademais de ser licenciada en medicina e doutorada en saúde pública, é unha gran crítica coa excesiva medicación e coas grandes firmas farmacéuticas e a súa comercialización, que fan negocios millonarios a costa da enfermidade. Unha muller de acción e de loita a través das súas ideas e verbas.