Este verán celebráronse os xogos olímpicos de Tokio. Non son eu moi de deportes, nin televisados, pero sei que moita xente goza vendo as competicións e probas. O que si sigo son as novas nos medios de comunicación e, como non, pois moitas relacionadas cos xogos olímpicos. As que me causaron interese foron, sobre todo, as dunha mociña, Simone Billes, unha ximnasta estadounidense que en 2016 gañou moitas medallas e en Tokio gañou 1, pero tras decidir e decir que paraba, que tiña que coidar da súa saúde mental. Pois igual que unha persoa deportista, se ten mancado un xeonllo, precisa tempo de cura, rehabilitación, repouso, a saúde mental tamén precisa tempo e intervención. Quizáis as presións, as altas esixencias, as expectativas, a responsabilidade, fan estar nun estado de ansiedade que dana, e non é débil a que para e recoñece o que lle pasa; esa é forte, afronta que a súa saúde mental non está ben e que precisa dedicarse tempo. Vivimos nuns tempos de competitividade, esixencias, presións; parece que cada persoa ten que ser o número un, ou se non…, xa non logra os seus obxectivos, xa non cumpre, xa non dou todo de si. Chamoume tamén a atención escoitar unha moza española, que gañou unha medalla de prata e pedía perdón por non gañar o ouro. Non ten que pedir perdón, ela é estupenda! Se con 18 anos aprobou o bacharelato con matrícula de honra, cun 13 sobre 14 na EBAU, participando nuns xogos olímpicos e gañando unha medalla de prata, como será o seu nivel de autoexixencia que pensa que ten que pedir perdón. Non, neniña non, non tes que pedir perdón, tes que gozar practicando deporte, tes que gozar estudando, gozar coa familia e as amizades, escollendo a túa carreira e esforzándote, claro está, pero dentro das posibilidades de cada quen, e sempre que a autoesixencia non sexa tan excesiva que dane. Cultura do esforzo, si, pero tamén cultura do autocoidado e do fomento da saúde mental plena.