Cando os menores se atopan desprotexidos, sen calidade de coidados ou atencións, con proxenitores, que non poden coidalos polos traballos, por enfermidades, ou porque non cumpren as súas funcións de coidados axeitados. Cando persoas maiores que xa precisan de atencións e coidados polas súas situacións de dependencia, viven sós, senten soidade, senten necesidade, e non a reciben. Cando unha muller vítima de violencia de xénero ten que voltar ao seu “fogar”, con medo, con ansiedade, con pensamentos de se será unha noite tranquila despois do traballo, ou se non poderá durmir, que ao mellor non lle agarda unha labazada, ou unha patada, ao mellor lle agardan berros, reproches, ou malas caras dun narcisista maltratador.
Todas somos vulnerables, pero desde a nosa vida non deberiamos crer que podemos xulgar as vidas doutros, ao mellor, deberiamos pensar en que podo apoiar, en que podo acompañar, en que non podo seguir facendo a esa persoa máis vulnerable, ao mellor o teu sorriso na rúa vale, ao mellor unha boa cara vale, quizais a inclusión real comeza por non xulgar e non estigmatizar.