Que a guerra de Ucraína vén a axitalo todo é tan evidente como tamén o é que antes do 24 de febreiro o mundo xa non vivía en paz. Os axentes implicados, segundo quen, acrecentan a dimensión dos conflitos e as súas consecuencias, pero sempre cos mesmos damnificados, xente inocente que dun día para outro ve como creba o seu dereito de vivir en paz, como di a canción de Víctor Jara.
O egoísmo por ser máis, por amosar máis, por impoñer máis, por silenciar máis…, maniféstase de forma extrema en guerras e conflitos varios. A xenerosidade por el, por ela, por eles, por elas, por todos, lévanos á paz e á construción dun mundo mellor. María Montessori dicíao moi ben: “Todo o mundo fala de paz, pero ninguén educa para a paz. A xente educa para competir e este é o principio de calquera guerra. Cando eduquemos para cooperar e ser solidarios uns con outros, ese día estaremos educando para a paz”.
Dende 1964 celébrase o Día Escolar da Paz e a Non Violencia. Un día e unha celebración dunha tremenda importancia, que resulta lúdica e divertida, pero que quizais esvaece entre o excesivo “celebrámolo e conmemorámolo todo” (isto merecería un “Peto” enteiro). Educar na paz debera estar nos 365 días do ano e amosar, como así dixo Celso Emilio, falarnos como irmáns por riba de todas as fronteiras, por riba dos muros e valados; e, tamén, compartir sonos iguais. Cantas veces escoitamos aquilo de que a paz comeza en cada un de nós, en cada día…
Hoxe traio a este Peto a todas as persoas que pasaron por este mundo sementando paz, que educaron co seu exemplo diario, xeneroso e cheo de empatía, que amosaron os seus ideais, pero sen impoñelos, que souberon escoitar incluso o pensamento máis diferente con respecto e que entenderon que o gran conto este de vivir un pouco trátase de tender pontes e non destruílas. Que o soño de todos sexa ver pronto a PAZ mundial e, como diría Silvio, que aprendamos a ser un tilín mellores e moito menos egoístas.