Agora que se achega o 23 de abril, Día do Libro, afondamos nos datos máis recentes sobre a lectura. A realidade no Estado, segundo o Barómetro de Compra de Libros e Hábitos de Lectura 2023, di que un 95,5 % das persoas enquisadas len pero delas só un 68,3 % len libros. Ademais, un 26,7 % len revistas, un 71,2 % periódicos, un 10,8 % cómics, un 64,3 % webs, blogs ou foros e un 59,7 % len redes sociais. Dentro dos que len libros, un 64,1 % faino no tempo libre e un 21,3 % faino por traballo ou estudos. O perfil do/da lector/a amosa que as mulleres len máis cos homes, a rapazada de 14 a 24 anos le máis có resto de idades e os que teñen estudos universitarios tamén len máis que os que teñen estudos inferiores. As librerías seguen sendo o lugar onde se mercan máis libros (45 %), seguido de internet (26 %). Un 29,7% len os libros en soporte dixital.

Produce ledicia saber que a lectura infantil se mantén en datos moi elevados: a un 76,3 % de nenas e nenos menores de 6 anos lenlles libros, cunha media semanal de 2 horas e 39 minutos. Na franxa de 6 a 9 anos, un 86,0 % len libros que non sexan de texto, o que fai unha media de 3 horas e 05 minutos á semana. O dato manifesta a importancia da curiosidade na cativada á vez que nos interroga sobre o descenso nas seguintes idades.

En Galicia os que len no tempo libre representan un 61,5 %, dato que está por debaixo da media do Estado. Esta cifra é maior que en 2012 cando era do 59,1 %. O dato máis preocupante é que só un 3,1 % das persoas que len en Galicia, prefiren facelo en galego. Contrasta con outros lugares como Cataluña onde un 38,9 % das persoas prefiren ler en catalán.

Máis aló dos datos, o 23 de abril sempre é un bo día para agasallar ou para comezar un libro na nosa lingua aínda que haxa moito tempo que non o facermos. Feliz día!