Escoitamos promesas de obras faraónicas e a xente de a pé pedimos cousas máis sinxelas

Tempos de decisións, agardamos que de melloras, oportunidades de dar máis vida, cor e oportunidades ás nosas vilas e cidades. Cando leamos a revista, xa coñeceremos os resultados, e quen vai ser a nosa alcaldesa ou alcalde. Nalgúns concellos agardamos que muden as cousas. Noutros, que se manteñan para seguir polo bo camiño do traballo para a cidadanía que cada día percorre as rúas, traballa, estuda, merca, pasea, xoga, respira nun determinado lugar da nosa marabillosa terra. Cantas cousas podemos facer! Canto camiño por diante! Para acadar a calidade de vida e o benestar que merecemos e que nos nosos concellos con bos proxectos e boas ideas podemos conseguir. Escoitamos promesas de obras faraónicas, macroconcertos, auditorios a longo prazo que están prometidos desde hai 8 anos nos que gobernaron e seguen a prometer, praias fluviais na ría… (si, si, lestes ben); e ao mellor a xente de a pé pedimos cousas máis sinxelas (no sentido de que non chaman tanto a atención), pero de máis valor, unha boa carteira de servizos sociais, plans de inclusión, de formación, de emprego, de conciliación e corresponsabilidade, proxectos pola igualdade de oportunidades, espazos de ocio e lecer, actividades para as crianzas, para a mocidade, para as persoas maiores, recursos públicos, servizos e dinamización do noso rural, vida e riqueza cultural… E podemos seguir sumando ideas. O importante dun lugar, dun espazo, dunha vila é poder disfrutala, aproveitar os seus recursos, manter e promover a cultura material e inmaterial, morar nela cunha boa calidade de vida, que dea gusto saír á rúa, que sexa un lugar de participación e interacción, un espazo vivo e digno. Estes versos de Manuel María lembran a beleza, a vida e riqueza da nosa terra

“Galicia docemente
está ollando ao mar:
ten vales e montañas
e terras pra labrar!”