Agardando moitas persoas a volver ao de antes, non á “normalidade”, ao de antes.

Vou escribir este “Peto”, desde unha óptica que vivo, que me apaixona e que é a miña profesión, o traballo social. Vouno ampliar aos servizos sociais porque creo e considero que traballamos de forma integral, e o traballo social é unha parte deses servizos sociais. Cando defendamos a sanidade pública, a ensinanza pública, por favor, lembremos defender os servizos sociais públicos porque os servizos sociais intervimos e traballamos cando hai unha situación de vulnerabilidade social, cando hai persoas en exclusión social, persoas en situación de dependencia, con discapacidade, con problemática de saúde mental, maiores, persoas con adiccións, persoas inmigrantes, emigrantes retornadas, solicitantes de asilo, minorías étnicas, menores en situación de desprotección ou desamparo, vítimas de violencia de xénero, familias sen ingresos económicos, persoas sen fogar…, cando hai persoas que precisan apoio e intervención.

Non queremos caridade nin asistencialismo, queremos respostas de apoio, queremos intervir

Que atopamos agora mesmo? Que nestes tempos de pandemia, o confinamento, o día a día, non é o mesmo para todas as persoas, que as persoas que xa vivían en situación de exclusión, quedan máis excluídas e que a vulnerabilidade case pasa á fase de exclusión, e que as persoas, familias, que vivían ao día, con empregos precarios ou en economías somerxidas pasan a precisar dos servizos sociais e da nosa intervención. E todo se volve inmediato, e a resposta debe ser áxil, se hai un fogar con menores sen auga, sen luz, sen alimentos, sen ingresos, se hai unha persoa en situación de rúa que non ten onde confinarse, se hai persoas vivindo en chabolas que vivían da economía somerxida, se hai persoas maiores, soas e vulnerables que non teñen quen lles faga a compra… Non queremos caridade nin asistencialismo, queremos respostas de apoio, queremos intervir, queremos estudar a situación, valorala e atopar os recursos axeitados, sempre respectando a dignidade das persoa e sempre desde a intervención integral.

Atopamos que fixo falta aumentar as contratacións, porque facían falta traballadores e traballadoras sociais, porque xa estabamos nun servizo desbordado de por si, castigado de por si, sen apoios de por si… Hai quen di “Dan máis votos as estradas e beirarrúas que a atención ás persoas vulnerables”, pero resulta que na crise somos ESENCIAIS. Esenciais os servizos sociais públicos e as entidades do terceiro sector, nun traballo coordinado, nunha labor de atención urxente, que non entende de horas nin datas, só de intervir na necesidade.

Tamén atopamos que hai concellos que dan a cara e apostan por dotar de recursos e medios os seus servizos sociais e entregarse na axuda. Non o atopamos na Xunta de Galicia, seguimos agardando… Supostamente no 2020 sairían as oposición para o traballo social despois de 14 anos desde as últimas, creo que sobran palabras. Que se sigan privatizando residencias de maiores, de atención a persoas con discapacidade, axuda a domicilio, centros de atención a persoas en situación de dependencia, centros de menores… (despois xa nos lamentaremos, se nos dá tempo) e se as gafas dos privilexios nolo permiten.