Vivir nun fogar totalmente sostible non é unha tarefa doada, aínda máis cando recibimos un perenne “bombardeo” daquilo que, precisamente, non cumpre co medio ambiente. Tampouco axudan os ritmos actuais, que nos conducen polo camiño máis rápido, que en moitas ocasións non é o camiño máis práctico. Nesa présa, deixamos de lado pequenos xestos que, unidos a outros, aproximaríanse a un fogar sostible que, no fondo, é unha vida sostible e respectuosa para nós, para os que nos rodean e para os que veñen detrás.

Non chegaría a revista enteira para detallar a multitude de accións que podemos levar a cabo dentro do consumo de auga, da enerxía que empregamos, do que comemos ou mercamos… Pero si hai varias premisas en forma de acción que recollen moitas das outras. A primeira, a modo de economía circular, sería que todo o que teñamos poida volver empregarse ou reciclarse. Que non entre na casa nada que non sexa necesario nin sostible. Tampouco adquirir alimentos que xa sabemos de antemán que non son bos para a saúde nin para o planeta. Por último, e non menos importante, se nos mudamos a unha nova casa, e se é posible, que teña luz natural, xa que é gratis e evita o consumo doutras enerxías non renovables. “Pequenas cousiñas”, que diría Daniel Espiño.