Hoxe traemos onda nós un mariñeiro de Porto do Son único. Chámase Rogelio Santos Queiruga e nos últimos tempos converteuse nun influencer galego, ou así o denominaron na prensa. Pero… que fai especial a este mariñeiro? Pois que a través das redes sociais, amosa o que é o seu oficio, permitindo así que moita xente coñeza mellor o mar: as variedades de peixes e as formas de chamalos e o difícil labor dos que saen a faenar cada día polas nosas rías.
Entre as súas publicacións, sorprenden os vídeos nos que lle vai devolvendo ao mar as raias, os lumbrigantes ou o marisco por diferentes motivos: por portaren ovas, pola veda… Estes vídeos, acompañados de música e ás veces dunha interesante reflexión, resultan un importante material para concienciar as xeracións actuais e vindeiras da importancia de coidar a vida mariña. Un exemplo de boas prácticas que achega un halo de esperanza fronte a outras accións irrespectuosas co noso mar.
Aínda que Rogelio cre que o que fai é o seu deber e non algo heroico e que isto das redes chegoulle de rebote sen buscar likes nin nada que se lle asemelle, cada día son máis os medios que se interesan por este mariñeiro. Queda neste Peto un fragmento dunha das súas publicacións:
“Hai quen pensa que é importante o que fago. Eu creo que o importante non son eu, senón o que facemos todos, porque é a suma de pequenos actos e xestos o que fai un mundo mellor ou peor, máis limpo ou máis sucio, máis amable ou máis hostil, máis sostible ou máis ao borde do colapso, máis xusto ou máis inxusto.
Eu cada día que me levanto trato de inclinar a balanza un pouquiño máis para o lado correcto, non coas palabras, senón co que ten verdadeira forza, os feitos (…)“.
Soñemos un mundo con moitos Rogelios.