Imos saborear xuntas o feito de podermos ser persoas positivas, tras o Domingo de Resurrección, da gran festa de esperanza e optimismo, imos achegar os nosos grans de area para construírmos un presente e un futuro mellor.
Xa na primavera, aínda que as nosas alerxias se queixen, podemos gozar das flores, das cores nos prados, dos raios de sol, dos días máis longos, de máis horas para saír a pasear.
Gozar desa natureza que dá forma á nosa terra, e que temos a grande sorte de poder apreciar, coidar e protexer, para vivila nós hoxe e os que virán no futuro, para deixarlles os bos froitos, sementes e riquezas do chan que pisamos, para ensinarlles amor polos seus recunchos, polos seus camiños e montes, polo seu mar. Ensinarlles que deben respectala e coidala, e exixirnos facelo a nós cada día, para poder mirar ao futuro coa esperanza de deixarlles ás crianzas unha boa herdanza, natural, de terra e mar, cultural, musical, tradicional, de coñecemento e recoñecemento da nosa patria.