Pasou o 8 de marzo do 2021 e hai máis de un ano que nos confinaron pola crise sociosanitaria, un ano no que tivemos que aprender a vivir cun virus hipercontaxioso e coas súas consecuencias. Fomos pasando por diferentes fases: a do terror e a incerteza ao descoñecido, a do confinamento e a falta de liberdade e a da falta de medidas.
Máis tarde chegou a desexada desescalada, pingas de liberdade aos poucos, pasiños para diante e para atrás, sen acordos conxuntos, sen medidas preventivas nin efectivas para paliar o virus e a crise… Pasado un breve período de tempo, anunciaban que xa existe unha vacina. Que boa nova!
Pensando nisto, deime conta de que estas fases vivímolas moitas veces na vida, exactamente dende que nacemos, polo simple feito de sermos mulleres. Quen de nós non pasou medo ao volver á casa soa? Que muller non tivo que soportar comentarios machistas? Cantas veces escoitamos “Iso non o podes facer, é cousa de homes.”? Quen non tivo que decidir entre a súa carreira profesional e a conciliación?…
Ao longo da historia pasamos por desescaladas, fomos quen de conseguir dereitos, axiña roubados; avanzamos, pero sempre co xugo no pescozo. A miña pregunta é: para cando unha vacina contra o virus do patriarcado? Para que ningunha muller teña medo, nin se sinta insegura, nin decidan por ela, nin lle rouben dereitos nin soños, nin lle pechen portas. Este virus aféctanos a todas as mulleres, é unha cuestión de xénero, polo que, loitemos todas xuntas! para frear o virus do machismo, contaxioso, perigoso, mortal e sen vacina á vista.