Que os nenos e nenas deben volver ás escolas sabémolo todos. O regreso será, se todo é favorable, seis meses despois de que as súas escolas pechasen por mor da pandemia. Seis meses é un tempo considerable na vida dun adulto, pero moito máis o é na vida dun cativo en idade infantil ou primaria. Sucede ás veces (moitas) que esquecemos que os ritmos dos adultos son diferentes aos ritmos dos nenos e subestimamos espazos, tempos e momentos ou, o que é o mesmo, oportunidades diarias de medrar integramente. Ultimamente perdemos moitas, pero quen sabe se tamén atopamos outras novas; está por ver. Por tanto, é momento de reencontrarse con todo aquilo que deixaron atrás e sentilo preto: compañeiros, mestres, recreos, patios… e, por suposto, facelo coas medidas sanitarias axeitadas que os gobernantes deberían ter preparadas despois da primeira onda da pandemia. Suponse, crese, confíase en que iso sexa así.
As nais e pais tamén o precisan como auga de maio. Podiamos facer unha lista interminable de familias que tiveron que facer verdadeiros malabares para poder ocupar con garantías o tempo dos seus fillos mentres atendían os seus traballos e tarefas diarias. É para alongar na memoria o esforzo durante o confinamento deixando de convivir na mesma vivenda cos seus fillos porque seguían traballando en lugares de risco, lugares que, por certo, resultaron imprescindibles para a saúde ou o abastecemento de alimentos.
Os centros escolares e os seus equipos tamén o precisan. O seu propósito é educar e sen a volta dos rapaces nada ten sentido. Aos centros tamén se lles presenta un inicio de curso cheo de interrogantes, cargados, se cabe, dun exceso de responsabilidade ante unha situación inédita.
Quérese crer que que aínda somos unha sociedade forte, que, como outras veces ao longo da historia, saberá seguir adiante a pesar dos obstáculos. Neste caso o inimigo é forte e invisible, pero vivimos confiados en que, máis antes que tarde, remate este pesadelo.