Creo que o xogo é para todas as idades. Lembro, por exemplo, as ligas de petanca que se celebran en Cangas con petanqueiros e petanqueiras xubilados, as longuísimas partidas de cartas que podemos ver en moitos bares ou nos centros de día; creo que, ademais, é moi recomendable porque o xogo é aprendizaxe, e aprender é un proceso que dura toda a vida. Pódese xogar a nivel individual ou colectivo, coa familia ou cos amigos, ao aire libre ou en espazos pechados. Pódese xogar en calquera momento do día e podes repetir o xogo as veces que queiras. Xogos que duran segundos e xogos de varios días. Algúns precisan unha mesa, outros auga, outros un campo aberto. Con todo, hai xogos nos que só precisas a voz ou un xesto. Nalgúns compites contra os compañeiros e noutros precisas da colaboración, pero sobre todo xogar supón unha vivencia única que deixa pegada nas nosas vidas. Que llo digan ás avoas e avós que xogan todos os días cos seus netiños.
O peto común. Xogar
Unha das actividades preferidas da rapazada é, sen dúbida, o xogo. Di a viguesa María Couso, no seu libro Cerebro, xogo e infancia, que xogar é unha acción pola que todo o teu ser se sente alegre, goza do momento e se entretén realizando unha actividade… Se es adulto e dedicas un intre a facer un percorrido por momentos de xogo durante a túa infancia, o máis probable é que sintas unha sensación pracenteira por toda a diversión e entretemento que revives. Tras o percorrido, quizais te atrape a nostalxia de quen quixera volver vivir eses momentos! Claro que non podemos regresar a esa marabillosa etapa que foi a nosa infancia, pero, por que deixamos de xogar cando nos facemos maiores? Por que escoitamos a miúdo aquilo de “só pensa en xogar” como unha perda de tempo? Deixamos de xogar para dedicarnos “a cousas máis importantes” a medida que nos facemos maiores?