Se pensamos como están relacionados o capacitismo, que é a discriminación cara ás persoas con diversidades funcionais, o patriarcado, o racismo, o edadismo, atopamos en común unha situación de inxustiza, de discriminación, de crenzas de superioridade cara a outras persoas, cara aos nosos iguais. Se cremos na igualdade real, como permitimos que sigan existindo estándares que pretendemos que todas debemos cumprir, sen ter en conta que todas as persoas somos capaces aínda que diversas, que todos os xéneros temos a mesma valía e debemos ter os mesmos dereitos, que todas as persoas, independentemente do lugar, do país, da condición na que nacemos, somos seres humanos e, polo tanto, temos os mesmos dereitos de existir en paz, igualdade e xustiza?
Que a idade ofrece experiencia, que as persoas por cumprir anos, por chegar a ser maiores, non deixan de ser válidas, non deixan de ser referentes, fonte de amor, de convivencia, de participación na sociedade. Que segue perpetuando as violencias? Supoño que as ansias de poder, de manter privilexios, de crerse superiores, de pensar que existen persoas inferiores, de pensar que os dereitos só son para unha pequena porción da sociedade (os que si “cumpren os estándares”).