Empatía: identificación afectiva cos sentimentos ou estado de ánimo doutra ou doutras persoas.
Canta falta nos fai a empatía na sociedade que vivimos! Para a mellor convivencia, colaboración, apoio mutuo, loita conxunta, xustiza social…
Penso no nivel de empatía que amosamos cara ás persoas da India, que están padecendo miles de mortes diarias pola covid, secuelas, angustias, desesperacións… ata sen suficientes lugares e medios para enterros dignos. Están morrendo miles de persoas a diario. A mostra de preocupación global non se observa moito, a non ser que sexa para preocuparse por se a cepa chega ao meu país privilexiado. Mentres, morren os de alí, os outros….
No nivel de empatía co pobo palestino, espolio, ocupación, negación de dereitos humanos continuados por parte de Israel…, e a sociedade segue mirando para outro lado, as políticas internacionais seguen do lado dos poderosos; o vulnerable, se é posible, mellor que continúe sendo vulnerable, gran vantaxe para os de arriba.
Cinco asasinatos machistas por VIOLENCIA DE XÉNERO en España en catro días, e a nosa empatía cara ás mulleres, fillos e fillas que quedan orfos, familiares, nais con impotencia e dor, queda nun minuto de silencio… pero non se mantén no día a día, na realidade diaria de millóns de mulleres que sofren violencia de xénero, nin as nosas loitas se aplican en acabar con esa lacra, nin en construír unha sociedade máis equitativa e libre de violencias.
Penso na escasa empatía que se pode posuír, cando se di “Os menores emigrantes están invadindo España, é unha invasión, nenos e nenas nadando intentando chegar a terra”. E cando se pensa: “Agora teremos máis MENAS. MENORES estranxeiros non acompañados. Haberá que subliñar ben o de “menores” e lembrarllo á sociedade. Escasa empatía xenófoba, que ve en menores perigos de invasión. Que ve ataques na chegada a nado de persoas migrantes.
Empatía coa liberdade de pensamento e opinión do pobo colombiano, que ninguén sexa asasinado por protestar, por falar, por opinar.
Traballemos xuntas a empatía e transmitámola. Non transmitamos odio, nin violencia, nin xenofia, nin machismo, nin etnocentrismo. Traballemos a humanidade e a loita pola xustiza social global.