Benquerido Santo Antón, grazas pola túa carta e pola preocupación que amosas ter polas cousas das nosas vidas. O do Covid-19 parece que vai tendo amaño entre nós, pero non así noutros países pobres, que, coma sempre, quedarán para o último, e só miraremos de verdade por eles se vemos que poden ser un perigo para nós. Así somos, meu santiño, así temos o espírito empequenecido!
Paso a comentarche algo, para que ti o compartas co teu compañeiro de fogar e vida, Xosé Crecente Vega (1896-1948), sabes?, o autor de Codeseira. O outro día, debaixo do carballo de Luxís –se nunca o visitaches tes que facelo!–, puiden asistir á presentación dun seu libro preparado por Ricardo Polín e titulado O mundo nun puño de remol, no que ofrece unha boa presa de poemas, escasamente coñecidos, do chairego Crecente Vega. Poemas case todos eles vinculados á realidade rural, pero que, a xeito de parábolas, permiten lecturas abertas a outros mundos. Halos ler con moito pracer, seguro.
Amósoche dous anacos coma mostras, respectando a súa escrita:
“Rapaciños, cousas tristes
cantas temos arredor!
Aquela ilusión perdida
que non foi máis que ilusión;
aquel vello sin arrimo,
que tan soliño quedou;
aqueles fillos sen pai,
aquel pai sen corazón,
aquel corazón sen fe,
aquela fe sin valor;
aqueles nenos sin pan,
aquelas almas sin Dios!
Rapaciños, cousas tristes,
cantas temos arredor,
sin contar os que levamos
gardadas dentro de nós.”
“Que gusto dá oír brua-la xistra
no seo da manta, i estreitar namentras
seo con seo, a dona benquerida!”
Apertas, amiguiño. Recordos para tantas amigas e amigos comúns do alén.