Convida este tempo da Coresma a exercitarmos tres miradas acompañadas de tres accións: o XAXÚN, a ORACIÓN e a ESMOLA.

O XAXÚN é a mirada cara a un mesmo, cara ao propio interior. Como anda a miña vida? Estou ben? De que teño fame? Que me farta? En que gasto as forzas, o traballo, os cartos? O xaxún axuda a vencer os instintos, as paixóns, os excesos. Falaba santo Agostiño do Mestre Interior que nos axuda a descubrir o verdadeiro significado dos signos. En todos está ese Mestre Interior. O xaxún vence o narcisismo, unha das enfermidades máis estendidas na actualidade e, segundo os expertos, nada doada de curar, agás con tal mestre!

A santidade consiste en mirar as outras persoas coa mirada de Xesús

A ORACIÓN é a mirada cara a Deus Pai e Nai. Xorde dende o interior do corazón e apóiase no silencio e na escoita. Deus vén ao meu encontro… E estarei na casa? Busca cada día un momento de silencio, respira e acorda que a vida está nas propias mans, non na man das empresas. É tamén revisión de vida. Xa os pitagóricos, 400 anos antes de Xesús, remataban a xornada preguntando: que fixen ben? Que fixen mal? Que me quedou por facer?

A ESMOLA é a gran mirada sobre o outro, o próximo. Unha mirada misericordiosa. Dicía Oríxenes que a santidade consistía en mirar as outras persoas coa mirada de Xesús. Esmola é entender o outro e non xulgalo. É acompañar, sorrir, compartir. A esmola é facer que quen estea ao meu lado sexa máis feliz na miña compaña. Esmola é corrixir con amor e afastar odio e resentimento.

Na casa de Lola de Angustias puxeron un peto no chineiro da cociña. Pequenos e grandes botan cada semana o que aforran privándose dun viño, dun café, das chuches. O domingo, antes de xantar, rezan un Nosopai e cada un bota o que aforrou. Cando chegue a Pascua, hano levar a Cáritas. Velaí: xaxún, oración e esmola.