Desta non che veño con laios, senón con loanzas. Loanzas e agradecementos polo vivido o 14 de setembro en Lodoselo, Sarreaus, Ourense, onde celebramos a 46.ª Romaxe de Crentes Galegos e Galegas. Seguro que tamén vos achegastes alí, non si? Velaquí:
GRAZAS por Lodoselo, agochada aldea pequena,
profecía da grandeza do insignificante, do que non conta!
GRAZAS polo sol resplandecente daquel 14 de setembro,
símbolo da luz que desde Lodoselo tanto nos aluma!
GRAZAS polo airiño frío, desacougante da primeira hora,
preludio das santas inquedanzas que Lodoselo nos provoca!
GRAZAS pola abondosa amplitude do espazo de celebración,
berro aberto dunha aldea acolledora, dunha aldea en saída!
GRAZAS pola cálida e saborosa acollida que alí nos deron,
que desde a chegada nos fixo sentirnos persoas ben coidadas!
GRAZAS por cada unha das persoas que ao lugar peregrinamos
cal aprendices da imprescindible sabedoría dos coidados!
GRAZAS pola celebración, festeira e cuestionadora ao tempo,
que nos asolagou no corpo e na alma do vivido en Lodoselo!
GRAZAS polo planificado plan sen plan daquela contorna,
onde todo xorde da urxencia amorosa do que a xente precisa!
GRAZAS porque nada queda sen coidados na bisbarra:
xente e animais, terras e plantas: comuñón socializada!
GRAZAS porque todo o mundo é aquí coidador e coidado,
sen liderados estériles, con responsabilidades compartidas!
GRAZAS polos ecos que Lodoselo acá e alá provoca,
ecos dos que tamén vive, cos que tamén se fortalece!
GRAZAS polas persoas crentes e non crentes,
que de lonxe soñaron e loitaron irmandades coidadoras!
GRAZAS pola revolta das mulleres de onte e de hoxe,
maiormente a das mulleres ocultas que removeron o mundo!
GRAZAS polo pan de Xesús, case case imperceptible,
regalado tamén cal sacramento na vida coidada en Lodoselo!
GRAZAS, en fin, pola mesa, pola música e o baile,
polos corazóns agradecidos desta humilde xornada grande!
Ai, aquel 14 de setembro en Lodoselo,
capital galega dos coidados,
onde tanto soñaron e danzaron terra e ceo!