O día 4 de xuño morría en Lugo Izaskun González Garmendia, nacida en Tolosa, San Sebastián, relixiosa da Sagrada Familia de Burdeos. Fora vivir alí en comunidade despois de vivir 33 anos en Abadín, onde, coas súas compañeiras de comunidade, fixo familia aberta ao pobo, co que en forma e fondo se identificaron. Ao tempo, desde unha experiencia rural e eclesial moi concreta, abriuse ao conxunto da realidade galega e ás persoas e grupos que con maneiras evanxélicas buscaban vida para a xente do pobo. 81 anos sinalados pola busca, polo servizo, pola irmandade máis limpa e auténtica.
E o 21 de xuño chegounos tamén a nova da morte de Amalia Tomé, relixiosa Dorotea, que en Galegos, Frades, coas súas compañeiras de comunidade, animou un proceso intenso de experiencia comunitaria atenta á realidade da xente veciña, coa que, desde os valores humanos e desde a fe, apostou pola valoración, o respecto e a mellora da vida da xente da aldea. Tamén ela, coas súas irmás, estivo aberta, sempre en forma de servizo calado e eficiente, a tarefas de ámbito galego (asociación de veciños, Encrucillada, Irimia, romaxes, Movemento Rural…). 94 anos igualmente orientados sempre aos soños de Deus entre a xente, aos soños da xente cara á dignidade das súas vidas.
Vidas diferentes en carácter, temperamento, modos, pero no substancial, idénticas. Vidas que souberon descubrir a graza do pequeno, do humilde, do calado, do que non conta, para poñerse ao seu carón crendo a fondo que é aí onde está a esperanza da vida e do Evanxeo. Vidas pacificadas, ledas, alentadoras desde unha espiritualidade cristiá sinxela, pero ben traballada, firme, recia. Vidas de muller/monxa en saída permanente, como hoxe dicimos e valoramos, tecendo redes de densa relación entre a súa comunidade familiar e o pobo, o pobo e a súa comunidade familiar; abertas tamén a un mundo maior: Cataluña para Izaskun, Perú para Amalia. Vidas atentas á realidade cultural da nosa Terra, en concreto ao uso normalizado da nosa fala para todo. Vidas implicadas nas diferentes formas da organización social. Vidas que recibiron o recoñecemento, o afecto, o aplauso da xente coa que conviviron, sinal evidente de que a súa maneira de anunciar o Evanxeo desde a vida era significativa. Vidas que, desde a irmandade máis fonda e real, sen querelo, se converteron en liderados entrañables, en fonte dunha fecundidade humana e espiritual, á que podemos recorrer cantas persoas sigamos tendo a ilusión por estar no pobo, co pobo en modo evanxélico. Guieiras seguras en horas de non saber moito que facer para contaxiar o Evanxeo.
Grazas, Izaskun e Amalia. Que sorte tervos tantos anos entre nós como irmás, como nais, como avoas!