Teño unha veciña preocupada. So aniñaron dúas parellas de andoriñas na súa casa, cando outros anos tiña canda menos, unha ducia delas. As andoriñas, ou anduriñas, seus curmáns os vencellos ou cirros, son aves que anuncian o verán e chegan pola Pascua. Viven onda as persoas e non lles teñen medo ningún. Hai unha lenda piadosa que conta que foron as andoriñas as que lle sacaron ao noso Señor as espiñas da coroa cando estaba na cruz. Desde aquela son animais benditos e trae mala sorte matalas ou que desaparezan. Non son aves cantoras coma a laverca ou o reiseñor, a quen San Juan de la Cruz chamaba doce Filomena. As andoriñas chían e son moi curiosas, coma os rabirrubios, que aniñan na miña casa e andan tras de min faga o que faga, e mesmo me asexan polas fiestras.
Unha andoriña non fai o verán. É un dito popular que augura mal tempo nos meses de estío cando chegan poucos exemplares. Tamén é relacionada con malos augurios, de aí a preocupación da miña veciña. Falando das andoriñas, acordo aquela canción tan soada nos anos setenta: En Galicia un día yo escuché… Que cousa tan arrepiante! E veña a xente a cantar nela! Mesmo os galegos… incomodoume sempre esa identificación nacional con certos cantos: Ondiñas veñen… Na beira, na beira do mar, hai unha lanchiña… O padre Feijoo, franciscano e persoeiro único e xenial, dicíanos que o canto dos Catro vellos mariñeiros que ían para Viveiro e miraban o monte de San Roque non se podía cantar sen máis…, coma nunha orquestra de verán. Tiña que soar bravo, coa voz dos mariñeiros que, logo de brear duro, volven a porto. Mais nada tan abafante coma eses programas de TV que traducen calquera canción ao galego: Algo se morre na alma cando un amigo se vai… E quedan tan panchos!
No Instituto María Casares, en Oleiros, onde non hai ningún alumno galego falante, os profesores de lingua convocaron a un contrato: falar dous días seguidos en galego. Contaban con 30 ou 40. Asinaron máis de 200!!! Tal experiencia, e con moito éxito, fixeron tamén no Fogar de Santa Margarita, na Coruña, e durante unha semana, e mesmo un mes.
Moitas andoriñas avantan unha longa primavera e un fecundo verán! Parabéns.