Benquerido Santo Antón:
Antes de nada, grazas por te prestares a servir de correspondente entre nós e a xentiña do alén. Pásalles as nosas lembranzas agradecidas e os desexos de que nos sigan alentando como poidan.
Por aquí, xa ves, seguimos coas nosas andrómenas. Moita xente de Igrexa debatendo sobre un libro escrito a catro mans entre J. Ratzinger –o que foi papa, recordas?— e un tal Sarah, cardeal da Igrexa, moi da vella escola. Voltas e máis voltas sobre se os curas han poder casar ou non, e de fondo, iso parece, o afán de frear a vontade renovadora do papa actual, de quen xa oirías falar; un bo seguidor de Xesús, que anda nun querer e non poder rachar moitas atumes que estorban o bo servizo da Igrexa á xente dos nosos tempos.
Polo demais xa saberás que en España temos un goberno novo, que se presenta como de cambio e progreso. Non che dou detalles por non enredarte. Falan de mellorar as condicións de vida da xente máis vulnerable e de apertarlle algo o cinto aos poderosos. Cousa do máis substancial, que debería gustar moito, de entrada, ás comunidades relixiosas que seguen a Xesús de Nazaré, non che parece? Pois non é así. Moita xente de Igrexa anda alporizada. Tamén falan de buscarlle unha solución ao tema dos nacionalismos periféricos, que non do central, pero disto nin che falo, porque alucinarías.
Co ben que poderiamos vivir estendendo as mans, abrindo as portas, mirándonos á cara, rachando pexas, soñando fraternidades, rachando!
Botádenos unha man, por favor, que desde aí seguro que as cousas se ven máis claras. Recordos a toda esa xentiña, pola que nos sentimos persoas convocadas á unidade máis limpa e radical.
Chuchos e apertas.