Desta volta o santo Antón e máis Manolo Regal puxéronse de acordo para elaborar este doloroso clamor pola paz. Andamos ás voltas co Nadal e acaen moito estes berros.

Ai, a PAZ, a PAZ,
ofrecéndose ás caladas para as nosas vidas revoltas!
Millóns e millóns clamando pola PAZ,
pero non hai PAZ.
Millóns de linguas, de pensamentos, de corazóns, clamando pola PAZ,
pero a PAZ non dá chegado.

A PAZ subxace humillada, desprezada, violada
baixo as botas obscenas dos intereses económicos,
baixo os soberbios proxectos xeoestratéxicos,
baixo os intereses ocultos das empresas armamentísticas,
baixo as fantasías patrioteiras de pobos en ascenso (ou descenso);
pero tamén
baixo a nosa resignación imperturbable,
baixo as nosas comenencias e oportunismos,
baixo a nosa falla de elemental solidariedade,
baixo a nosa covardía e silenciosa conivencia co poder, cos poderes,
baixo o noso egoísmo;
pero tamén
baixo os nosos credos relixiosos baleiros,
baixo as nosas infinitas verbas sagradas, rutineiras, espidas,
baixo o noso devoto e pacífico vivir á sombra do máis forte.

A nosa Deus dicímola Deus de AMOR,
dicímola Deus da SOLIDARIEDADE,
dicímola polo mesmo Deus de PAZ.
Pois logo non está habendo Deus.
Témola tamén humillada, desprezada, violada,
a pesar de tantas pomposas liturxias civís e relixiosas.

Soamente hai Deus,
soamente te hai, Deus, a corpo enteiro, a berro cheo,
no clamor ensanguentado de todas as vítimas,
nas bágoas feridas de todas as nais/pais chorando os seus fillos/as,
nos corpos esnaquizados de todas as criaturas
que bateron coa morte violenta nada máis estrear a vida
e nos ollos todos que á súa sombra choran pola PAZ.
Soamente nos quedan eles,
soamente nos quedas ti.

Ai a PAZ, a PAZ,
ofrecéndose ás caladas para as nosas vidas revoltas!