Seguro que se poño a música, coñecédela todas. Escoitámola moitas veces nas Romaxes coa voz da Quenlla e outras tantas miles con Mini e Mero. É un dos poemas de amor máis fermoso escrito en lingua galega: “Volvín a terra, pero perdín o amor”. O autor é Bernardino Graña, poeta do Morrazo e do mar todo. A música, de Suso Vaamonde.
Rematando o advento, fixemos homenaxes valentes. Nicanor Acosta, o home do megáfono, loitador incansable da loita contra os desafiuzamentos na Coruña, recibiu o premio Marcelino Liste por parte do Foro Cívico da Coruña. Marcelino Liste foi un crego comprometido e loitador, impulsou o movemento veciñal da Coruña nos anos 70 e 80. Eu, sendo neno, compartín tardes con Marcelino, buzoneando polos barrios obreiros da cidade. Foi un tipo auténtico e custoulle! Nicanor foi dos curas condenados polo franquismo e preso no cárcere de Zamora. Tamén coñecín esa prisión, horrible, afastada de Zamora por onde se perde o Douro. Frío, fame e malleiras…
Chamei a Nicanor para contarlle do premio:
– Dásme unha alegría grande nun día moi negro! Acabo de recibir carta dos xulgados: estou desafiuzado!
A Nicanor botárono do baixo da Agra do Orzán, onde vivía, acollía inmigrantes e promovía todo tipo de reunións veciñais e de asociacións. O día do premio, con grande humildade, lucidez e coraxe, falou da necesidade de confluencias no país.
Senén Vaamonde, editou un fermoso libro con dezaseis cancións do seu irmán Suso, con poemas de Celso Emilio Ferreiro e unha canción de máis: a de Bernardino Graña. Tremendo agasallo para o Nadal! Agasallar cousas destas é agasallar o país e a matria.
Agora que non hai portal de Belén e que os anxos deixaron paso aos elfos, nun Nadal de maxia e mentira, que bo escoitar Moraima de Celso Emilio e saber que nos queda a memoria. Hoxe os xornais falaban de dous cregos: dun cura sexi portugués e da morte de Antón Gómez Vilasó. Deixádeme quedar co último.
Como hei vivir irmán sen a luz túa?