
Alexei Navalny nunha foto da BBC.
Regal: E logo?
S.A.: Pois que se incorporou á nosa comunidade un novo santo mártir. Moi especial tamén. A que non adiviñas quen é?
Regal: Eu que sei, está habendo moita xente que morre con morte de martirio, sobre todo por países de África, de Asia.
S.A.: Non, pero este é de moito máis acó, europeo, coma quen di.
Regal: Pois non caio.
S.A.: O Navalny, ho, o Navalny, Alexséi Navalny!
Regal: Pero ese non era un político oposto a Putin, que xa o quixeran envelenar hai tempo, e que despois decidiu volver a Rusia, aínda que ben sabía que o habían prender, xulgar e condenar?
S.A.: Pois si, e que me queres dicir con iso? Que non pode haber políticos mártires por exerceren a política como Deus manda, como a xustiza manda?
Regal: Poder pode, pero cóntanse cos dedos dunha man.
S.A.: E ti sabes a razón pola que el quixo volver a Rusia, tendo por moi sabido o que lle había pasar?
Regal: Pois non, non; si que me estrañou aquela decisión, pero as razóns…?

Regal: E que dixo, logo?
S.A.: Pois para explicar porque estaba facendo o que facía dixo cousas tan simples e preciosas como que “o feito é que son cristián (…), eu tamén fun un ateo militante. Pero agora son crente e iso axúdame moito a elixir as miñas accións (…). Perante o xuíz incluso falou da pasaxe evanxélica que o guiaba neses momentos de represión e de estar a piques de ser asasinado: “Felices as persoas famentas e sedentas de xustiza, porque quedarán fartas” (Mt. 5,6). “Sempre pensei que esa benaventuranza en particular é, máis ou menos, o que guiou a miña acción. Non me arrepinto de regresar nin do que estou facendo. Está ben, fixen o correcto.”
Regal: Pois déixasme aleuto, coa boca aberta! E el non se parecería ao que fixo o mesmo Xesús cando decide baixar a Xerusalén para celebrar a Pascua, sabendo o que alí lle agardaba?
S.A.: Tal cal. Navalny aprendeuno de Xesús. Así que facede unha boa festa pascual tamén aí na terra, e ollo!, hai que ir admirando, agradecendo, aprendendo e publicando persoas coma estas.
(Nota: a primeira vez que soubemos na terra destas cousas, foi por unha revista VIDA NUEVA, núm. 3.354, 7, da man do sociólogo Fernando Vidal, galego, por certo. Grazas de corazón).