Benquerido santo Antón:
Grazas pola túa última carta. Sentímonos persoas afortunadas por podermos manter esta conexión contigo e con ese mundo misterioso, sempre atraente e envolvente, que ti representas. Así o noso presente complexo, enredoso, e para moita xente fatal, recoñecémolo aberto á esperanza de algo novo, que oxalá poidamos ir verificando xa, sen agardar o que a morte, esa inquietante parteira de vida, nolo amose no seo de Deus.
Por aquí seguimos con cousas vellas e novas. Seguimos coa Coresma, lémbraste dela? Aquilo de xaxuar, rezar, dar esmola, que no teu tempo faciades con tanta paixón e intensidade! Seguimos niso, pero certamente con moitas rebaixas. Xaxuar facémolo pouco. Xente afeita á abundancia, igual nos privamos de cousas que engordan ou soben o colesterol, pero pouco máis. Non se leva iso entre nós, e mira que hai cousas das que nos viría ben xaxuar! Aquilo do decrecemento para que ninguén careza do necesario. De rezar non somos moito. Igual fomos levando a oración a unhas maneiras tales, que renunciar a ela pareza un paso san. Unha mágoa! Co fermoso que é rezar, abrir o corazón á vida, a un mesmo, aos demais, á natureza toda, ao Espírito de Deus que nos envolve e entrelaza con todo xenerosamente! Non che parece? A esmola vainos algo máis, sobre todo en formas de colaboración e solidariedade con xente que o precisa. Grazas, Antón, por ese legado que nos deixastes do xaxún, a oración e a solidariedade fortalecéndose entre si, para que en cada época a saibamos actualizar.
E de cousas novas, que queres que che diga? Seguimos co Covid-19. Unha Coresma obrigada, e moito alento nos fará falla para vivila con autenticidade nas súas xustas dimensións. A vacina será o remedio, disque, pero moitas persoas, moitos pobos imos saír baldados disto que estamos vivindo. Ben sabes que hai moito listo, bispos incluídos, que se vacina inxustamente cando non lle toca. Chegarán as vacinas aos países empobrecidos tarde, mal e a rastro, -que vergonza, verdade, o de Israel co pobo palestino!-, moita xente morta fóra de tempo e lugar, moita xente empobrecida, moita economía esfarelada e, iso si, as farmacéuticas forrándose. Pero así che andamos. O dito, en Coresma á forza! E poida que chamados a convertela, a base de realismo, consciencia e implicación, nun estoupido de indignación solidaria, que polos camiños dunha vida popular digna nos leve a unha Pascua como a de Xesús. A ver. Contamos convosco.
Apertas e alentos, que tanto diso necesitamos.