Benqueridas amigas e amigos:

Ben sabedes que vos escribo desde o fogar de Deus. Hoxe erguinme con ganas de saír, de ollar cara a vós, de contemplar as vosas vidas, simplemente polo pracer de vervos unha vez máis e de comungar coas vosas desilusións e esperanzas. Pois para iso é para o que esta Fonte de Amor na que vivimos diariamente nos quenta o corazón e nos limpa a ollada.

Había tempo que non daba un garbeo pola vosa Terra (xa sabedes que aquí un día é cousa de cen anos e cen anos son cousa dun día). Fun vendo as aldeas. E que raro me pareceu aquilo! Onde noutrora vira terras labradas e prados, agora todo eran árbores altísimas, dereitiñas, ás que, segundo aquí me informaron, lles chamades eucaliptos. Fanegas e fanegas de eucaliptos, un mundo de eucaliptos. Chamoume a atención o nome. Empeza por “eu”, que na lingua grega que falei anunciaba sempre cousa de ben, cousa boa. Pero logo toda a palabra recordábame aqueloutra verba “apocalíptico”, no senso de algo desastroso e último. Andaba eu nesas e atopeime cun veciño que fora da Terra Chá; comenteille a miña confusión e díxome: “Nada, ho, nada; tes toda a razón; eucalipto: pan para hoxe e fame para mañá. Estamos hipotecando o país”. Quedou en mo explicar polo miúdo noutra ocasión.

Na miña camiñada deseguida me decatei da presenza dunhas torres altísimas que braceaban coma tolas entre a terra e o ceo. Nunca tal vira! Porque isto en nada se parecía ás que vira noutra viaxada por terras de Castela. Aqueles braceaban, si, pero sen tanto espavento e chulería; eran dóciles, mesmo simpáticas e argalleiras e servían para converter o gran en fariña para facerdes pan. Cousa boa, moi boa. E estes –disque– converten a enerxía do aire en enerxía eléctrica. Non entendín moito, pero a min non me gustaron. Escorrentaban e mataban os paxaros. E ademais que pintaban alí, sacrificando a fermosura salvaxe daqueles montes, daquelas penedas? Abofé hai moitas cousas vosas que non entendo. Vexo que sodes moi listos, gústavos empregalo todo para iso de facerdes cartos, pero canto vos custa respectar e gozar a galanura da natureza que cada día vos agarda á porta da vosa existencia!

Amigas, amigos, quizais son eu o que ando algo trabucado. Xa me diredes. Pero algo souben xa de movementos de protesta contra tanto desatino. Como vos vai co Covid-19? Coidádevos moito. E non sexades tan aproveitados, gardade algunhas vacinas para a xente de Iemen ou de Haití, por exemplo.

Apertas,
O voso santo Antón.