Loliña da Tapia naceu en casa pobre. De nena pasou frío e fame e roía codias de pan de millo mirando con envexa as casas que tiñan forno e cocían pan trigo. Na casa non había forno e media ducia de pícaros durmían por riba daquela vaca que pouco leite daba. Andou descalza apañando nos toxos e traballando a xornal. Namorou de Evaristo do Casal, pobre coma ela, e casaron. Loliña pediulle a Evaristo que cumprira seu soño dende nena: ter forno na casa. Con moito esforzo fixeron o forno e Loliña pasaba as horas mirando aquel burato na parede soñando con ter un monte onde cortar leña e prender lume para quentar o forno. En moitos anos aquel forno non coceu. Co tempo mudou para mellor a familia e Lola da Tapia é agora unha velliña que algún día coce pan para os netos con moito agarimo. O malo -cóntame- é que os netos prefiren panbimbo.

Chámanos o Advento a cocer un pan saboroso e aprender as crianzas o recendo do auténtico. Espertadores de vidas adurmiñadas polo consumo e unha globalización que deshumaniza. Convídanos o Papa Francisco nesa carta bonita que nos escribiu: Todos irmáns.

Hai educadores que cocen pan todos os días e apréndenlle a saborealo á xente moza. Entre eles o amigo Xabi Blanco, guieiro de tantas romaxes que pasa un advento algo duro por mor da saúde. A xente toda de Irimia dámoslle azos e abrazos! É un tipo verdadeiro que sabe da tenrura de Xesús e do pan trigo cocido nos fornos da Galiza. O Xabi, na Romaxe da vida, endexamais ha repartir panbimbo. Forza irmán!