Benqueridos amigos de Irimia:
Paz e ben, amiguiños, que, polo que vexo, moito vos cómpre. Paz e ben, logo, antes de nada.
O outro día, nunha desas xuntanzas periódicas que aquí facemos para ver como vai o mundo –ese mundo que, asemade, é tamén o noso mundo, pois todo está fondamente entrambilicado, inter-relacionado–, había tamén quen o vía todo moi mouro, case, case pensando que calquera día ía estoupar todo e que a todos vos iamos ter que buscar un recuncho entre nós. Por nós, non habería problema, que aquí espazo hai abondo e xa vos temperariamos eses aires toleiráns que tanto vos distinguen.
Non habería problema, repito, pero daríanos moita mágoa que iso pasase; por vós mesmos, tantos homes e mulleres que sodes tesouros preciosos feitos tales a forza de séculos e séculos de busca, de talento, de resistencia, de apaixonamento, nunha palabra, de humanidade. E tamén por ese mundo cheo de vida tan precioso que tedes (do que –e isto é un segredo que comparto ás caladas– hai máis dunha réplica noutras partes do cosmos).
Había na xuntanza que vos comento quen tomaba a cousa con máis pachorra e dicía que sempre andabades coas mesmas trécolas, pero ao final iades saíndo adiante, iso si, e isto é o máis grave, deixando polo camiño unha chea infinda de vítimas, de inocentes. E iso habédelo pagar, abofé, polo castigo da vosa propia conciencia.
E había tamén quen insistía –e eu únome a estes– en que xa está ben, que tiñades que abrir os ollos e o corazón; que levades no máis fondo de vós o sinal solidario que Deus proxectou en todxs, en todo, e por iso, por serdes humanos, tedes iso tan precioso que chamades humanidade. E o mundo só se salva con humanidade, é dicir, sendo humanos os humanos. E diso sabe moito ese Neno espido que recordades polo Nadal, e do que case vos queredes desentender por inútil. Tedes convosco o inmenso e humilde poderío de Deus, espelídevos.
Apertas desde este aquén para ese alén. Feliz Nadal, amiguiñxs. E conto que para o ano sigades aí. Apertas desta multitude inmensa que vos soña en irmandade.
O voso santo Antón.