Xa hai tempo que non parolamos un chisco, meu.
Ti andas nas túas e eu ando nas miñas, dirasme. Pero ben sabes que entre a xentiña de aquí e a xentiña de aí non hai, non debería haber, diferenza de intereses. Eu, desde logo, non me sinto téndoa contigo nin con toda a veciñanza dese teu fogar especial.
Pois xa sabes como andamos por aquí. Seguro que lle daríades boa acollida a esa xentiña valenciana que, por causa da ditosa DINA, se viu forzada a cambiar de morada. Este noso mundo é así: moita fraxilidade por mor da natureza, que é como é; moita fraxilidade polos abandonos da xente, que non sempre facemos as cousas ao dereito; moita fraxilidade tamén polos gobernos que temos, que, no canto de prever, coidar, implicarse a tope para abreviar polo menos os males inevitables, ás veces desenténdense e despois son moi dados a darlle mil voltas ás cousas para que non se lles vexa o cu ao aire.
Pero ben, o noso sufrimento, con ser grave abondo, queda moi lonxe do sufrimento que padecen os palestinos polos gravísimos abusos de todo tipo que reciben dos xudeus. Quen o había pensar de quen sufriu tanto agravio, tanto sufrimento e tanta morte por seren simplemente xudeus! Supoño que por aí estaredes aleutos (alucinando)! Mira ti, quen tanto se cría pobo de Deus!
A xente temos a conciencia de que as nosas sociedades –as que nos chufabamos de sermos democráticas, daquela maneira!– imos de cabeza cara a réximes autócratas, con certa aparencia de legalidade. Sabes que Trump –si, si, ese de quen vós sabedes tantas cousas, e vaia cousas!– vaise facer xefe de medio mundo. Miña maiciña querida, a que nos vén enriba!
E así andamos, no medio de tantas cousas desacougantes, procurando atopar paz, sosego, esperanza, volvendo unha e outra vez a esa chamada fonda de humanidade que levamos inserida no noso corazón, nas nosas entrañas. Confiando en que quen nos fixo persoas humanas, humanitarias, nos sosteña na aposta, sabendo, iso si, que a mesma palabra humanidade –tan fermosa e pretensiosa– vén de “humus”, terra, para que saibamos desconfiar de arrogancias estériles.
Unha aperta, amigo. Recordos pola casa. Non demores en contestarme, que me tardan as túas liñas! Paz e ben! Bo Nadal!