Graciñas pola túa información sobre o noso benamado Manolo Peleteiro. Recordos agarimosos para el e para toda esa xentiña de ben que por aí andades. No seo de Deus, así calquera!
Ben, por aquí poderíache empezar a contar desgrazas, que as hai, e abondas; só en conflitos armados temos hoxe máis de cincuenta neste diminuto anaquiño de cosmos que é a Terra, aínda que os que máis soan sexan o de Ucraína e, sobre todo, o de Palestina-Israel.
Supóñovos ben ao tanto das barbaridades que levan cometido os descendentes dos profetas bíblicos, que clamaban pola paz, desexando que as armas de destrución e morte se convertesen en ferramentas de traballo para a vida. Canta mágoa dá que os descendentes daqueles homes bíblicos que formaban un pobo pequeno, insignificante, sempre exposto ao abuso opresor dos imperios que os rodeaban, labren agora o seu presente e futuro abusando dos que ao seu carón son un pobo débil, indefenso —o pobo palestino—; e iso cun nivel de desprezo e asañamento ben semellante ao que os nazis alemáns practicaron con eles.
E detrás deles, ao que se ve, o poder militar, o poder económico dos magnates norteamericanos, que son os que posibilitan que isto estea pasando e os que maquinan e argallan para resolver o conflito non desde a xustiza cara aos débiles, senón desde a prepotencia dos poderosos.
En fin, que queres que che conte, amiguiño da alma, que queres que che conte! Á hora da verdade, con moreas de progresos e recursos nas mans, seguimos levando nas tripas os xenes diabólicos da división, da prepotencia e do abuso.
Quédanos, iso si, unha lapiña de esperanza inmorredoira, que ninguén nin coa morte nos vai arrebatar. Lapiña que loce nos millóns de persoas que teñen mostrado de moi variadas maneiras o seu rexeitamento a estas prácticas; que loce tamén no fondo humanitario que levamos na alma, como rastro e rostro do Deus que nos creou; fondo do que está cheo o texto da Exhortación Apostólica “DILEXI TE” (AMEITE), “sobre o amor pola xente pobre ou empobrecida, legado póstumo do papa Francisco, que o seu sucesor León XIV quixo asumir e completar, segundo el mesmo afirma: ‘…alégrame facelo meu —engadindo algunhas reflexións— e propoñelo ao comezo do meu pontificado…’ (3). Por aí si que hai futuro para a humanidade, para Israel e Palestina tamén. Oxalá sexa moita a xente que o leamos e o fagamos vida.
Dádelle as grazas da nosa parte a Xurxo Mario Bergogli, de quen gardamos óptimos recordos. E apertas para todos vós, amiguiños e amiguiñas. Canta falta nos facedes! Non deixedes de fortalecernos en humanidade. Grazas de corazón.