Benquerido Santo Antón:
Grazas por compartires connosco as túas memorias, os teus sentimentos.
Se ti levabas uns días que non dabas para máis, asegúroche que por aquí as cousas se nos puxeron de golpe ben mouras. Cando parecía que estabamos esquivando o do Covid-19, xorde unha guerra en Europa; Rusia invade Ucraína, ben o sabes. Volta ás bombas, aos mísiles, aos estoupidos, á destrución, á morte, á xente refuxiada en países veciños; volta á guerra de informacións certas ou falsas. Armaron as de Cristo, que quere dicir que a xente máis débil, que son os cristos reais, será a que sufra, chore, se afunda, morra sen remedio e sen sentido. E non sabemos cando nin de que maneira será a Pascua para eses cristos.
Por aquí ben ves que nos mobilizamos contra esa guerra (e está ben), que nos amosamos xenerosos á hora de acoller eses máis de tres millóns de refuxiados (e está ben), que renegamos dos feitos dese Putin (e está ben tamén). Pero temos medo.
Coñecéndote, seguro que nos farás algunhas preguntas: Por que vos alporizades tanto agora e non o fixestes cando EEUU e socios invadiron Irak ou Afganistán, ou impuxeron ditaduras sanguentas en Sudamérica? Hai mortos de primeira e mortos de segunda? Por que abrides as vosas portas a eses refuxiados e llelas pechades a outras vítimas? Pensaremos nas respostas.
Ben ves como andamos, querido Santo Antón. E non damos aprendido. Levamos a guerra ou a paz no corazón, para que tan axiña botemos man dela para resolver conflitos? Como celebrar a Pascua así?
Ás veces, moitas veces, este mundo parece unha merda. Ides ter que nos botar unha boa man, abofé! Contamos convosco. Apertas, amigo, un millón de apertas.