Cando esta cartiña chegue ás túas mans, xa serás coñecedor da persoa da que che vou falar, porque hai poucos días que pasou do aquén para o alén, deste espazo de Deus para esoutro espazo de Deus, despois dunha vida longa, de 94 anos. Chámase Isabel Requeijo Román; identifícala xa, non?
Pois cóntoche. Isabel é da parroquia de Cabaneiro, en Abadín, filla de Francisco e Matilde, a maior de cinco irmáns. Con dous anos de vida sufriu unha grave enfermidade que a incapacitou para se incorporar e para andar. Non habendo daquela recursos públicos, a familia tivo que se amañar para os coidados máis básicos e imprescindibles. Así foi durante anos e anos.
A fe era nela un sustento imprescindible
Pero Isabel non se encolleu, non se fixo vítima; afrontou as severas limitacións que tiña con ánimo, con esperanza, con optimismo. Foi unha desas moitas mulleres “empoderadas”, como hoxe dicimos, que sacou tantas misteriosas forzas do fondo de si que todos e todas quedabamos abraiados. Cos anos foi madurando e facéndose capaz de ter unha influencia moi positiva dentro da familia. E non só dentro da familia, senón tamén na parroquia, tanto no ámbito da comunidade cristiá como no civil, participando en actividades diversas que na parroquia se proxectaban. Sempre estaba aí, acompañando e mesmo tirando do carro, liderando actividades.
Porén, certamente as cousas nunca saen da nada. Isabel non foi unha persoa allea ás dinámicas normais que favorecen ou dificultan as capacidades propias. Por unha banda, sempre tivo ao seu redor persoas amorosas: familiares, veciños e veciñas, amigos e amigas, que a tiveron en conta, que a acompañaron e que a apoiaron cunha amizade e unha solidariedade entrañables. Ademais diso, a xeneralización dunha sanidade pública e de recursos como a Lei da Dependencia axudou moito a envolver a súa vida en dignidade. E, no fondo e no medio de todo iso, sempre houbo unha fe relixiosa popular, humilde e confiada, que ela coidaba e practicaba. Non faltaba ás misas ou celebracións dos domingos; mesmo nalgúns momentos foi ela mesma quen animou esas celebracións. A fe era nela un sustento imprescindible que a levou a crer en si mesma como filla querida de Deus e a crer no Deus que a sostiña amorosamente na súa existencia difícil e complexa.
E así ata a morte. Isabel foi un orgullo para nós. Seguro que tamén o será para todas as persoas que estades en Deus. Apertas. E xa me dirás.