Benqueridas amigas e amigos de IRIMIA:
Que? Que tal vos vai a vidiña por aí? Esperemos que ben, dentro do que se poida dicir “ben”, coas argalladas todas nas que andades metidos. Porque co da guerra de Ucraína seguides en pé, non? A nós aquí dános moita mágoa porque vemos que, no fondo, dun lado e do outro, o que sae triunfante é o mundo do armamento, que vale tanto coma dicir o mundo da morte. E ata dubidamos que non fose ese o verdadeiro motor dunha empresa tan destrutiva, xuntamente co indubidable afán por controlar os espazos políticos e económicos. En definitiva, iso que chamades aí a xeopolítica. A de cousas humanitarias que poderiades levar a cabo co que estades investindo en armas inhumanas! E niso uns e outros compartiredes culpa e seguramente tamén castigo e penitencia, modo humano, xaora. Alá vós, amiguiños, alá vós!
Máis do que nesas liortas, gustaríanos vervos envoltos, por exemplo, nas cousas da “Laudato Si, Sobre o coidado da casa común”, esa preciosa carta do Papa de Roma, de tanta actualidade, aínda que se publicase xa no ano 2015, no mesmo día e mes no que vos mando esta carta.
Vemos que nesta semana, 21-28 de maio, quen ben así o queira poderá celebrar a semana “Laudado Si”, con este lema “Esperanza para a Terra, esperanza para a humanidade”. E vemos tamén que, dentro dos materiais ofrecidos para a poder celebrar con proveito, compártese unha película documental, The letter (a carta), accesible en internet, que disque axuda moito a entrar no mundo desa ecoloxía integral á que a “Laudato Si” nos empuxa. Unha película na que o mesmo voso Papa intervén de forma directa.
Neste espazo especial de Deus, sen tempo nin espazo, pero intimamente integrados, modo divino, no mundo e no cosmos, temos disposto ver esa película, aínda que soamente sexa por solidarizarnos con todos vós e contribuír o mellor que poidamos ao coidado integral dese mundo que, dalgunha maneira, tamén é a nosa terra. Xa vos contaremos.
E máis nada por hoxe. Para vós –aínda que non seguramente para todxs–, son tempos de vacacións, de festas patronais, de viaxadas… Gozade con todo iso. Nós tamén participamos dos vosos gozos, igual que o facemos das vosas dores.
Aburiño (aprendín esta palabra dun galego que hai pouco veu para aquí). Aburiño e ata a primeira. O voso Santo Antón. Para servir.