Clara de Asís foi a primeira muller en escribir unha regra para a vida relixiosa e reclamou con valentía ante papas e bispos manterse na radicalidade evanxélica, tanto que Gregorio IX concedeulle o privilexio da pobreza, evitando así ter posesións e bens, como tiñan outras monxas. O papa insistía en que non podían ser tan pobres, pero Clara contestoulle:
—Santo Pai, de ningunha forma quero endexamais ser dispensada do seguimento de Cristo.
O papa calou.
Moitos dos primeiros franciscanos apenas sabían ler e escribir. Un día, un frade pediulle a Francisco se podía ter un breviario. Francisco contestoulle:
—Cando teñas un breviario, sentarás nunha poltrona coma un prelado e dirás ao teu irmán: achégame o breviario!
Francisco non tiña nada contra os libros nin contra a cultura, pero tiña algo claro: os pobres non tiñan libros nin sabían ler.
Conta unha fermosa vida novelada de Hildegarda de Bingen, que foi monxa bieita e morreu pouco antes de nacer Francisco, que a primeira palabra que pronunciou sendo nena non foi mamá nin papá; dixo: luz!
Non sei se apagaron as luces en Vigo. Estas outras non apagan nunca: son epifanía.