Canto me gusta a festa da Candeloria polo seu simbolismo e pola fondura que ten no noso pobo. Trátase con certeza dun rito antigo e cristianizado. Celebramos que a luz vence a noite, as tebras. Contan estudosos que as xentes saían polos camiños con fachos prendidos expresando que o medo á noite é vencido pola luz que medra aos poucos. Preguntáronlle a Arsenio, o do Depor, pola Santa Compaña e contestou: “Ai, amigo, iso era antes de que chegara Fenosa e prendera a luz nas corredoiras. Iluminación = Epifanía, toma teoloxía!

No relato evanxélico do día da Candeloria -presentación do meniño Xesús no templo- a atención céntrase no vello Simeón. A liturxia dá opción a omitir a historia da profetisa Ana. Unha velliña viúva -conta o relato- que con 84 anos non se apartaba do templo e falaba a todos do meniño. Agora que o Papa aposta polos ministerios femininos eu propoño que o de Simeón quede como opcional e sexa obrigatorio o de Ana a profetisa.

En Armenteira, a irmá Ángeles cumpriu 100 anos no mes de xaneiro. Con 14 anos entrou na vida cisterciense. 86 anos de vida monástica e de profecía! Non oe moi ben, pero está ao día do que pasa e os domingos todos baixa á misa comunitaria. Cando busco rostro para Ana a profetisa, falando do neno a todo o mundo, acórdome de Ángeles de Armenteira e as súas compañeiras-irmás. Falan do neno coa súa vida… máis teoloxía?