Benquerido Santo Antón:
Xustamente empezo a contestar ás túas últimas letras o día 17 de xaneiro, o día do teu santo. Claro que non sei se no alén seguides celebrando o santo; supoño que si, porque Deus, polo que sinto e imaxino, é moi dado a iso, a honrar a todo ser humano, home ou muller, polo feito de selo, e se a maiores ten unha alma limpa e un corazón xeneroso, pois mellor aínda. Celebrar o santo ou santa é gustarse na persoa que honrou o seu nome e memoria co seu estilo de vida.
Parabéns, logo, santo querido, no nome de toda esta tribo irimega que che ten o seu aquel de respectuoso afecto. Celebrádeo como ben sabedes, ao xeito do ceo, ao xeito da terra. Nós tamén así o faremos.
Permíteme que hoxe non te entoleza coas nosas historias e me recree nalgunha das túas. Ti es o santo Antón lacoeiro, o verdadeiro. Non sei por que che puxeron ese apelido, cando ti, sendo monxe e mestre de monxes, seguro que te privabas dese bocado que a moita xente tanto lle prace. A cousa veu —non si?— porque como home de Deus e de aldea que eras, tivécheslles moita querenza aos animais todos e á natureza que os acubillaba. E mirabas por eles con ansia e coidados. E, ala!, a xente deu en levar os seus animaliños para que os vises e gozases con eles, para aprender de ti a coidalos ben e mesmo para bendicilos como criaturas de Deus que eran, e ben fermosas por certo. E faciades festa á conta da cousa. Hum!, ata que un día a algún dos teus visitantes o demo lle suxeriu a noxenta idea de, para honrarte a ti e aos animais, levarche un lacón (que non sería para ti, senón para o crego lambón)!
Hoxe o crego non quere lacóns (tampouco llos levamos!). Hoxe a festa do Santo Antón volveu ás súas orixes. Hoxe está medrando o respecto polos animais, mesmo temos un partido político chamado “animalista”, que ve no respecto aos animais un estilo de vida, unha maneira agradecida e non posesiva de se relacionar cos animais, coa natureza, coa xente. Va que é ben fermoso! Pois todo grazas a ti, santiño querido.
Pois nada, feliz santo, amiguiño! Bicos e recordos por aí.