Benqueridas lectoras e lectores de IRIMIA:

Pola escrita de Manolo Regal imos sabendo aquí como levades as circunstancias dolorosas da vosa vida, sobre todo esa fonda tensión que estades a vivir ao ver como os poderosos —hoxe parece que mesmo máis ca nunca— andan a descompoñer o mundo; xaora, seguidos tamén de tanta xentiña que lles anda a facer caso. Desde aquí quedamos abraiados vendo os despropósitos dese tal Trump e dos líderes menores que, coma borreguiños, lle andan a facer as beiras. Xa algo de todo isto nos ten falado o irmán Bergoglio, que por certo vemos que entende moito diso da irmandade entre os pobos.

Un grafiti, no muro de Belén, mostra a un soldado pedíndolle a documentación a un burro

Un grafiti, no muro de Belén, mostra a un soldado pedíndolle a documentación a un burro. EFE

Pois que queredes que vos diga, que vos digamos! Sede realistas, pero non desesperedes. Sede realistas, dándovos conta de que o que hoxe andan a facer entre vós na cousa de rexer os pobos e nacións, na cousa de convivir ou non convivir entre os pobos, iso é conto vello, de sempre; desde que o ser humano é ser humano, case sempre as cousas foron así. Ás veces, como o maltrato humano lle trae a todos moitos inconvenientes, a xente escarmenta. Póñovos por caso o que en Europa e noutras partes do mundo pasou despois de dúas guerras mundiais case seguidas en menos de medio século XX. Houbo moi boas iniciativas orientadas a garantir o respecto, a boa convivencia, a solidariedade entre os distintos pobos do mundo. Pero, ou porque as cousas non se souberon facer ben de todo, ou porque sempre levamos dentro de nós como un demo que nos encirra ao mal, volvéstedes ás mesmas, levados da man case sempre por xente que sabe agochar os seus intereses particulares debaixo dunha aparencia de cambios necesarios para mellorar o mundo. O que melloran son eles, falsarios! Pero a xente, moitas veces —por desgraza, a xente máis sinxela e popular—, déixase engaiolar por tales historias e aló van todos a repetir os fracasos da humanidade.

Ben vedes que todo isto obedece sempre á lóxica daquilo polo que o mesmísimo Xesús, o noso mestre querido, foi tamén tentado no seu día: a lóxica dos cartos, da fama, do poder.

Así que logo, amiguiñas, amiguiños, sede realistas; non sodes peores do que fomos nós, os vosos maiores, sodes coma nós. Pero non por iso sexades pesimistas nin perdades a esperanza, nin deixedes de encher a historia desa dose de ilusión, de fantasía, de bondade, de xustiza, de tenrura, que é a que permite soñar co imposible e ir instaurándoo no propio corazón e, para empezar, tamén nos espazos miúdos nos que vos movades. Lembrade aquilo do noso irmán Xesús, o Cristo: “E quen dea de beber a un destes pequeniños, aínda que soamente sexa un vaso de auga fresca, por ser discípulo meu, asegúrovos que non perderá a súa recompensa” (Mt 10,42). Ou, se vos dá máis confianza: “Pois vós mesmos tedes contados todos os cabelos da cabeza” (Mt 10,30), detalle de seguridade no que case nunca reparamos.

Veña logo, menos chorar e máis cantar. Menos medo e máis ousadía. Menos encollerse e máis expandirse, con arranxo ao que todos, todas, vós tamén, levades no fondo do corazón como sinal da vosa identidade divina. Apertas. Feliz Nadal! Gozade con Emmanuel!

O voso Santo Antón.