Pecho os ollos e o rostro de Herme, Hermelinda dos Praceres, aparece sempre sorrindo e cunha mirada amorosa. Xunto a Xesús Acuña fixemos durante anos un trío de vivencias, viaxes, experiencias e espiritualidade. Hermelinda mantiña viva a mirada da infancia ilusionada, a capacidade de asombro ante todo o fermoso e bonito, especialmente da nosa paisaxe. Vela dirixir o coro da parroquia era un espectáculo: os brazos, as mans, os ollos, as pernas… formaban unha pedagoxía musical en continuo movemento. Tiña a capacidade de transmitir emocións. Tamén o souberon o alumnado e profesorado do Colexio do Sagrado Corazón de Praceres en Pontevedra onde exerceu tantos anos de mestra, e ao que seguiu vinculada logo de xubilarse.
Apuntábase a un bombardeo, sempre activa. Herme aparece no berce de Encrucillada, de Irimia, das Romaxes, da escola de Espiritualidade. Sempre fiel ás convocatorias. Nos anos de xubilación facía de voluntaria dando clases a inmigrantes, e a persoas maiores. Non caben aquí as actividades nas que participou. Porén, levou golpes ben duros: a perda prematura de Ignacio, seu home, quedando ao coidado de seis crianzas, e nos últimos anos a morte inesperada do seu fillo Jesús, tamén do grande amigo Acuña, o confinamento…
Herme partiu cara o Pedregal da eternidade. A xente irimega quedamos co seu sorriso, co seu cantar e bailar, co ánimo que sempre agasallaba. Penso no seu rostro acordo aqueles versos de Curros cando morreu Rosalía:
Do mar pola orela mireina pasar,
na frente unha estrela no bico un cantar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!